Ponteareas participará en Madrid nas xornadas sobre a xestión dos fondos da EDUSI

Os vindeiros 3 e 4 de novembro terán lugar unhas xornadas da rede de iniciativas urbáns (RIU) en Madrid, na sede do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Nelas trataranse as conclusións da primeira convocatoria de selección de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible, EDUSI, na que Ponteareas, xunto a outros 82 municipios de todo o Estado, logrou 5 millóns de euros dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O alcalde, Xosé Represas; a tenente alcalde, María Jesús Garrote; a axente de desenvolvemento local e os responsábeis técnicos da estratexia ‘Ponteareas Hábitat Saudábel’, asistirán a estas xornadas. Nelas explicaranse os pasos a seguir para o cumprimento da normativa europea de aplicación nestas axudas FEDER e os criterios e procedementos para a selección das operacións ou proxectos para iniciar a súa execución en 2017.

A estratexia ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’ desenvolverá catro grandes eixos: tecnoloxías da información, economía baixa en carbono, protección do medio ambiente e inclusión social e redución da pobreza. O obxectivo é poñer en marcha medidas relacionadas co fomento de emprego, coa modernización da administración, co acceso ás novas tecnoloxías da información, coa eficiencia enerxética, coa promoción da paisaxe cultural e do patrimonio inmaterial e coa inclusión dos colectivos menos favorecidos.

Outro dos obxectivos, tanto de Represas como de Garrote, da presenza nestas xornadas en Madrid é coñecer outras oportunidades de financiamento con fondos europeos ás que poderá acceder Ponteareas nos vindeiros anos para realizar outras propostas de cambio urbanístico como as que se recollerán en conferencias como ‘Oportunidades para las ciudades en el periodo de programación 2014-2020’ coas intervencións da asesora da Dirección de Fondos Comunitarios, Lola Ortiz, do analista da Dirección Xeral de Política Urbana e Rexional da Comisión Europea, Nicolás Gharbi, o técnico do Minsterio de Facenda, Anselmo Sainz, ou a xefa de departamento do Instituto para Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), Mª Francisca Rivero; ‘Estrategias para la Comunicación en el período 2014-2020”; “Red de Iniciativa Urbanas y otras redes’.

Category:Novas